Noticias

Planta de piñeiro radiata seleccionada xeneticamente para a mellora da produción e calidade do tronco

A Fundación Arume canaliza os esforzos dos distintos actores que traballan para a mellora da produtividade e adaptabilidade ao cambio climático, e ás patoloxías favorecidas por este, dos piñeirais galegos. O Grupo Operativo Piña é un proxecto cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL). Nel participan como actores principais os viveiros colaboradores da Fundación Arume, que entre o outono de 2024 e o inverno de 2025 estableceron 3 campos de pés nai para a produción de estacas ou pugas de piñeiro, para enraizar e producir planta forestal, do material seleccionado 10 meses antes nunha das plantacións de ensaio xenético de piñeiro radiata de referencia na silvicultura galega, Penafesa, no concello de Monfero (A Coruña). Esta plantación, que tamén é horta de semente, foi instalada pola Consellería do Medio Rural no ano 2010.

Selección de planta

Na plantación de Penafesa seleccionáronse as mellores xenéticas, árbores que, en 2022, aos 12 anos, cubicaron máis do dobre do resto da plantación e alcanzaban os 13 metros de altura e 21 centímetros de diámetro, e, ademais mostraban altos índices de calidade de fuste. Posteriormente, das árbores seleccionadas recolléronse piñas. A Consellería do Medio Rural extraeu o piñón, e, os viveiros do proxecto traballaron para xerminalo e cultivar o que sería o plantío que conformaría os campos de pés nai. En total, os campos de pés nai instalados suman 2 260 plantas nai. Os viveiros, co acompañamento e consultoría da Cooperativa de Mejoramiento Genético de Chile e de Tragsa Vivero de Maceda (Ourense), están a cultivalos e manexando para a produción de estacas ou pugas de calidade para o seu enraizamento, ao modo dalgunhas especies frondosas, pero desde a base das experiencias en piñeiro radiata da cooperativa chilena, e, en piñeiro pinaster do equipo de Tragsa Vivero de Maceda. Ante a escaseza da semente de xenéticas de alta calidade, a amplificación vexetativa por enraizado de estacas supón unha ferramenta estratéxica para o sector madeireiro galego que se nutre do piñeiro. Córtanse ao ano case 2 millóns de metros cúbicos de piñeiro radiata e outros tantos de piñeiro pinaster, o que supón case a totalidade do que se corta de piñeiro en total en Galicia para utilizar pola industria. Nunha estandarización dunha plantación media de 1 000 árbores por hectárea, indica que se estarían cortando 4 000 ha de piñeiro de crecemento rápido anualmente en Galicia. Para renovar estas plantacións farían falta por tanto 4 millóns de plantas ao ano de bo material xenético.

Experiencias

Ata a data, realizáronse as primeiras experiencias de manexo dos campos de pés nai, e de enraizamento de estacas. No primeiro caso, o de manexo do campo de pés nai, trátase de combinar podas e fertilizacións, para conseguir unha gran estimulación de produción de estacas que cualifiquen como aptas para o seu enraizamento con garantías de que non podrezan durante o proceso. No segundo caso, o do enraizamento efectivo das estacas, está a ensaiarse o establecemento das estacas en distintas tipoloxías de substratos e distintas xestións de rega para manter viva a estaca, sen tensión hídrica e mantendo ao mínimo as condicións favorables á podremia, mentres se xeran raíces a partir do corte da puga introducida no substrato. Outro socio, Hifas-Foresta, está a levar a cabo a avaliación da efectividade micorrícica con Lactarius deliciosus (níscaro) do material xenético seleccionado, e, a falta da confirmación mediante análises moleculares, a análise morfolóxica parece indicar que si se poden xerar ectomicorrizas de níscaro en viveiro. Pola súa banda, en canto a garantías dos materiais xenéticos, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, está a poñer a punto a metodoloxía operativa de avaliación de ADN para a comprobación fidedigna da estirpe xenética dos campos de pés nai conforme a selección xenética de árbores inicial, e, para a comprobación da diversidade xenética dos mesmos. Para iso, está a traballar cos materiais xenéticos de piñeiro pinaster tolerante á enfermidade do nematodo da madeira do piñeiro que este centro de investigación forestal obtivo en 2020, e sobre os campos de pés nai creados con este material xenético.

A produción amplificada de material xenético valioso por enraizado de estacas de piñeiro ten unha inercia biolóxica, e precisa dun traballo continuo sobre o campo de pés nai. A estaca que se establece para o seu enraizamento no outono dun ano convértese en planta preparada para a súa plantación no monte 12 meses despois. Polo tanto, a anticipación na planificación de plantacións con estes materiais mellorará a dispoñibilidade de planta no momento de executalas, para o que é preciso que o comuniquen cos viveiros de referencia do proxecto (Hifas-Foresta en Beariz (Ourense), Costa de Lóngaras en Abadín (Lugo) e Tragsa en Maceda (Ourense).

Doutra banda, a Fundación Arume, consciente da importancia de manter unha mirada previsora e unha vixilancia tecnolóxica constante, cando se trata de traballar con seres vivos, como o son as árbores, encargou ao equipo do laboratorio de Tragsa Vivero de Maceda un estudo de verificación das posibilidades da embrioxénese somática e a crioconservación de materiais xenéticos valiosos de piñeiro, na mellora da posta ao dispor destes materiais xenéticos ás novas plantacións forestais. Ambas tecnoloxías de laboratorio, cando funcionen operativamente, amplificarían á súa vez a cantidade campos de pés nai futuros de xenéticas avanzadas, permitindo a subministración de cantidades de planta significativamente suficientes para a industria galega da madeira do piñeiro. A embrioxénese somática é a formación de múltiples embrións xeneticamente iguais a partir dun embrión inmaturo do piñón dun piñeiro. No proxecto GOPIÑA, en xuño de 2024, recolléronse piñas inmaturas, con centos de piñóns inmaturos, da mellor selección das 43 árbores seleccionadas no ensaio de proxenies de Penafesa que formaron piñas. Estes piñóns inmaturos “sementáronse” sobre medios semisólidos con nutrientes e hormonas que favorecen a multiplicación celular de células do pre-embrión inicial. O proceso continúa co “acompañamento” da maduración dos grupos celulares copiados ata convertelos en embrións maduros, para despois xerminalos e cultivalos ata chegar a planta forestal. Doutra banda, a crioconservación permite conservar células embrioxénicas durante moitos anos.

Ensaio no monte

A mellor metodoloxía que permite seleccionar as mellores xenéticas é a instalación, e avaliación, de ensaios xenéticos en campo, na que as árbores agrupadas por clons ou por familias, se plantan en distintas condicións ambientais. Esta distribución de árbores permite separar, nos caracteres de mellora como crecemento ou tolerancias, o efecto de pertencer a un grupo xenético do efecto derivado unicamente do ambiente. A combinación das tres ferramentas, embrioxénese somática, crioconservación e instalación e avaliación de ensaios xenéticos de campo permitirá as maiores melloras xenéticas, transformadas en sementes para xerar as plantacións forestais do futuro, máis produtivas e mellor adaptadas ao cambio climático e aos brotes de patoloxías asociadas. O proxecto GOPIÑA, conseguiu ata o momento 7 liñas embrioxénicas de Pinus radiata seleccionado e iniciar as tarefas de crioconservación destas liñas. A mellora que poderán presentar estas liñas está por concretar en ensaios de campo, pero a estirpe da que proceden e a metodoloxía de selección fan pensar que xa estamos ante melloras significativas.

Sobre o Grupo Operativo Piña

O Grupo Operativo Piña está conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e viveiros Costa de Lóngaras.

Como entidades colaboradoras, está a Asociación Sectorial Forestal Galega, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).

O Grupo ten ademais subscrito senllos acordos de colaboración con Tragsa e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.

O proxecto está cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal).

Compartir en...
Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Telegram
Email

GOpiña